Recuperación e promoción da Vía Rexia do Norte

Para a representación, recuperación e promoción da Vía Rexia do Norte, ruta de peregrinación a Santiago de Compostela dende os tempos medievais, o Concello de Lugo adhírese ao convenio de colaboración que permitirá pór en valor as características culturais, naturais, paisaxísticas, patrimoniais, históricas e relixiosas que conforman esta variante do Camiño Norte, do que se aparta en Abres para seguir cara a Lugo e enlazar co Camiño Primitivo.

Así o ven de anunciar a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. O Camiño Norte e o Primitivo, declarados Patrimonio da Humanidade, concentraron case o 14% dos peregrinos no pasado mes de xullo, ou o que é o mesmo, máis de 6.200 persoas se decantaron por estas vías para chegar a Santiago, "polo que esta ruta do século XIII tería a presenza gañada no século XXI tamén".

Forman parte de este convenio os concellos de Santirso de Abres, Vegadeo, Meira, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto e Castro de Rei, dende onde a ruta se comparte ata Lugo co Camiño de San Rosendo. O compromiso económico por cada un dos municipios colaboradores é de 500 euros por un período de dous anos, que é a duración do convencio, co que se busca a constitución dun foro que fomente o estudo e investigación, así como a recuperación desta ruta de peregrinación e que ademais se constitúa un órgano de coordinación ante a administración provincial, autonómica e estatal.

O resultado deste estudo pode supoñer o punto de partida para outras decisións municipais máis ambiciosas e incluso para o recoñecemento oficial desta ruta xacobea, "o que suporía un atractivo máis para que os visitantes escollan Lugo, e que ademais amosa o firme compromiso adquirido polo Goberno de Lugo no seu obxectivo de converterse como cidade de referencia do Norte de España e a porta de entrada do Camiño Primitivo a Santiago".