Presentación do "Revenidas 2017"

A nova edición do Revenidas 2017, un dos #RíasBaixasFest que durante este verán están dando a nota musical á provincia de Pontevedra, foi presentado pola Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, agradeceulle á Deputación de Pontevedra o seu traballo por "conseguir enmarcar todos os festivais das Rías Baixas baixo un mesmo paraugas". Tamén aproveitou o acto de inauguración para "felicitar aos ‘tolos' que conseguiron facer dunha festa tradicional un festival de referencia no calendario musical do país".

Revenidas ocupará a axenda cultural de Vilaxoán durante os días 18, 19 e 20 de agosto con máis de 25 concertos e actividades de balde pensadas para todas as idades. Entre os grupos que actuarán en Vilagarcía de Arousa destacan algúns como La Pegatina, Riot Propaganda, Terbutalina, Skindred ou Bohemian Betyars.

Este festival converteuse nunha referencia en Galicia pola súa aposta pola música feita en galego e pola súa combinación con grandes bandas destacadas internacionalmente. Desde o 2003, ano da súa primeira edición, non deixou de medrar en canto a actividades e público, chegando o ano pasado a ter unha asistencia de 15.000 persoas. Nesta XIV edición forma parte dos oito eventos que están detrás da marca Festivais Rías Baixas.