Os de Padrón son de Herbón, e están de festa o 5 de agosto

Padrón, de orixe medieval (s. X) xurde ao abeiro da acollida dos restos do Apóstolo Santiago (s.I) e, xa que logo, dos primeiros impulsos xacobeos. Ese feito relixioso fundacional marcou, e marca, o devir do municipio, subliñado tamén, no plano literario, pola figura senlleira de Rosalía de Castro, e no plano gastronómico pola sona dos pementos de Herbón, que terán a súa XXXIX festa exaltadora o vindeiro 5 de agosto.

Festa declarada de Interese Turístico de Galicia, a do Pemento de Herbón (Denominación de Orixe Protexida), goza de recoñecida sona máis alá de Galicia e convoca cada ano milleiros de incondicionais decididos a degustar e, ao tempo, comprobar se os de Herbón pican (algúns) ou non.

O mesmo que a pataca e o tomate, o pemento veu de América e a súa chegada apunta ao vello mosteiro franciscano e á atenta observación dalgún frade que trouxo canda si e, felizmente, plantou a 
semente na horta monacal á beira, e ao abeiro, do río Ulla.

De pequeno tamaño e de cor intensamente verde, os pementos de Herbón -chamados mundo adiante pementos de Padrón- ben fritidos en bo e abondoso aceite e adubiados con sal groso, son unha delicia na mesa, quer como aperitivo, quer como parceiros de carnes ou peixes.

Aseguran os expertos que os pementos de Herbón (ou Padrón), canto máis novos, máis saborosos 
e menos picantes. Poñamos os colleitados entre maio e agosto. Para máis adiante, xa máis grandiños, 
poida que dean algunha picante sorpresa, aínda que é sabido que “uns pican e outros non”. 

En calquera caso, rechace o degustador imitacións, que abondan, e procure asegurarse da autenticidade do produto. Se é de Herbón (Padrón), con certeza, ha ser bon. O pemento ten, desde 1978, a súa exaltadora festa, que inclúe desfile, pregón, nomeamento de Cabaleiros e Damas do Pemento de Herbón e degustación gratuíta deste manxar. 

Debemos lembrar asemade o feito importante de gardar Padrón a memoria de Rosalía de Castro (1837-1885), única muller fundadora dunha literatura, a galega. Memoria rosaliana viva na Casa da Matanza, convertida hoxe en Casa-Museo, onde esta muller extraordinaria viviu, amou, escribiu, soñou e morreu ad maiorem gloriam Gallaeciae.