O Carballiño, os tentáculos do termalismo

Vila rica en augas termais, entre outros alicientes, O Carballiño, no noroeste da provincia de Ourense, xurdiu arredor da feira dos excedentes renteiros e foreiros de pulpo, creada polos frades do poderoso mosteiro de Oseira (s. XII) no primeiro terzo do século XVII. Lugar estratéxico, de encrucillada, zona de paso entre as Rías Baixas e o interior meridional de Galicia, e entre O Ribeiro e o Norte de Portugal con Santiago de Compostela, o cefalópodo estivo na orixe. Cada ano o segundo domingo de agosto (neste será o día 13) convoca a milleiros de persoas no Parque Municipal. Pulpo (polbo) e carne ao caldeiro.

Polo subsolo seguían fluíndo as augas mieiro-medicinais, xa ben coñecidas e aproveitadas polos romanos e que, andando o s. XX, irían configurando unha magnífica oferta de balnearios e turismo 
termal.

Para empezar falaremos do GRAN BALNEARIO, que utiliza o máis importante dos tres mananciais do lugar. Moi céntrico, na marxe esquerda do río Arenteiro, perto do Parque Municipal, conta cunha fermosa arboreda de carballos centenarios. A súa auga (a do pavillón de agüistas, no centro do recinto) está indicada para as afeccións hepáticas, intestinais e otorrinolaringolóxicas.

Ao seu carón a casa de baños, inaugurada no 1900, acolle as principais instalacións do Balneario, agora renovadas e ampliadas. Dispón de consultorio médico e terapia termal. É de titularidade privada.

O balneario CALDAS DE PARTOVIA, o máis antigo de Galicia, xa era coñecido en 1810. As súas augas -conta con tres mananciais- foron declaradas de utilidade pública en 1929, son sulfuradas e de escasa mineiralización. Están indicadas para procesos reumáticos e afeccións respiratorias e de gorxa. As novas instalacións deste balneario foron inauguradas recentemente.

Finalmente, o BAÑIÑO DE ARCOS, situado na parroquia de Arcos, berce das mellores pulpeiras, está asemade na beira do río Arenteiro e ten fonte e estanque. As súas augas axudan a superar afeccións dermatolóxicas e hepáticas.

Falamos por último doutros alicientes, poñamos gastronómicos, que nos levan a un dos grandes eventos culinarios de Galicia, a FESTA DO PULPO do Carballiño, declarada de Interés Turístico Nacional en 2012, ao cumprir os seus primeiros 50 anos.