Melloras no acceso a Torre de Hércules

Co obxectivo é minimizar as colas que se producen todos os veráns debido ao gran atractivo que o faro ten para os e as visitantes, o persoal municipal que traballa na Torre de Hércules ten en marcha, dende o principio desta semana, un novo sistema de cara a facilitar o acceso ao monumento, patrimonio da humanidade.  

Segundo os datos recollidos, no que vai de verán a Torre recibe, de media, unhas 800 visitas diarias, se ben só pode ser visitada á vez por grupos dunhas 30 persoas. Dende esta semana, as persoas que se achegan ao monumento reciben unha tarxeta que especifica o tramo horario no que o ou a interesada debe acudir para poder acceder á Torre. 

Con este sinxelo mecanismo, os e as visitantes evitan as colas de máis dunha hora que se estaban a formar en torno ao histórico faro. Os e as traballadoras do recinto recordan que, mentres tanto, as persoas que así o desexen poden visitar tanto o rico entorno natural da Torre, como o Centro de Interpretación ou o Parque das Esculturas. Os tempos de espera, desta forma, estánse a reducir en máis de 45 minutos.