Máis de 12.400 visitantes á oficina municipal de turismo e os museos de Lugo

Para Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, foi "o xullo con máis vida e movemento en Lugo dos últimos anos", con máis de 12.400 visitantes á oficina municipal de turismo e os museos do Concello. O centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu a máis de 6.500 persoas, o que supón un aumento do 10,8% con respecto ao mes de xullo do pasado ano. O sábado 22 de xullo foi o día no que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 390.

Máis do 14% dos visitantes procedían do estranxeiro, 940 persoas. Os foráneos que máis visitaron a cidade no pasado mes de xullo foron os franceses (148), seguidos dos italianos (79) e estadounidenses (64).

En canto ao turismo nacional, o número de visitantes volve a repuntar con respecto ao pasado ano. Os madrileños continúan estando á cabeza (1278), seguidos dos procedentes de León (675), País Vasco (624), Cataluña (528) e Andalucía (490). No que se refire a Galicia, as persoas que máis interese amosaron por coñecer Lugo foron os coruñeses e pontevedreses.

A Oficina Municipal de Turismo rexistra a súa maior actividade a mediodía, achegándose á Praza do Campo o 67% dos visitantes.

Polo que respecta aos museos, recibiron máis de 5.880 persoas no mes de xullo, o que significa que estes espazos expositivos espertan cada verán máis interese. A Casa dos Mosaicos segue a ser a máis visitada, con 2.642 persoas no mes de xullo, un 22% máis que o pasado ano; seguida da Domus Mitreo con máis de 2.000 visitas. Á Sala de Exposicións de Porta Miñá achegáronse unhas 590 persoas, unhas 300 ao MIHL e 330 ao Centro Arqueolóxico de San Roque.

lugo.gal