Guntín prepárase para exaltar o Pemento de Mougán

A titular de Cultura da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e o Alcalde de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, acaban de presentar na carballeira de Meixaboi a XVI edición da Festa do Pemento de Mougán, que terá lugar o 26 e 27 de agosto. 

A Deputaciónl colabora co Concello na organización desta cita, cunha achega de 6.000 euros. Faino para contribuír á promoción deste produto autóctono, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida. De feito, o Executivo da Deputación tamén colabora coa Asociación de Produtores do Pemento de Mougán mediante outras axudas económicas que facilitan a súa actividade.

A XVI Festa do Pemento de Mougán arrancará o sábado 26 de agosto, a partires das 12:00 horas, coa actuación da banda municipal. Ás 13:30 será a lectura do pregón a cargo de José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta. Logo será o momento da degustación gratuíta. 

Ao longo da tarde, haberá música a cargo da Charanga Malo Será e o grupo de acordeóns Gigantes, ademais da actuación do mago Romarín e dun campeonato de tute. Pola noite, estará a cantante do Incio Lucía Pérez e a orquestra Gran Pirámide. O domingo 27 tamén haberá xantar e actuacións musicais. 

O pemento de Mougán conta co selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dende o ano 2014. A súa zona xeográfica tradicional de produción e elaboración é, precisamente, o nome da parroquia de Mougán, no Concello de Guntín. Unha característica que os diferenza dos pemento de Ourense e de Padrón é o feito de que cando nacen estes fano cara arriba, ao contrario que os dos seus homólogos galegos.