Este venres, Revenidas 2017

O Revenidas 2017, unha das citas máis internacionais e solidarias dentro dos Festivais Rías Baixas, comeza este venres 18 cunha proposta de cultural e de ocio que inclúe música, espectáculos circenses, unha feira e sardiñadas populares, que se espera que achegue a máis de 15.000 persoas ata a parroquia arousá de Vilaxoán.

Durante os días 18, 19 e 20 de agosto con máis de 25 concertos e actividades de balde pensadas para todas as idades actuarán os grupos como La Pegatina, Riot Propaganda, Terbutalina, Skindred ou Bohemian Betyars.

O Revenidas converteuse nunha referencia en Galicia pola súa aposta pola música feita en galego e ao mesmo pola súa combinación coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente. Dende o 2003, ano da súa primeira edición, non deixou de medrar en canto a actividades e asistencia, chegando o ano pasado a ter unha asistencia de 15.000 persoas que se espera que se repita neste 2017.

No "Festival das Línguas" poderanse escoitar cancións en galego, castelán, catalán, euscara, inglés ou húngaro e de estilos tan diversos como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica.

O festival "Revenidas 2017" contará con dous escenarios nun recinto pechado para os concertos de pago, o Escenario Mahou máis o Escenario Deleite. Ademais, o festival conta cun amplo espazo de acceso libre no entorno do porto, ao redor co edificio da Praza de Abastos, onde terán lugar as actividades de balde para todos os públicos. Haberá pasarrúas, música tradicional, acústicos e melodías para os e as máis pequerrechas da familia.

As entradas, que teñen un prezo de 35 € (45 € no despacho de billetes) polo bono dos tres días, pódense adquirir a través da páxina web do Festival e en puntos de venta físicos das catro provincias galegas. Amais, pódense mercar entradas para un só día por 20€ (25€ na billetería).

f_www.depo.es