Depotermal, saudable e desestacionalizador

A deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, xirou visita a varios talasos e Spa,s da localidade de Sanxenxo que participan no programa Depotermal"da Deputación de Pontevedra. En concreto, percorreu as instalacións do Hotel Spa Nuevo Astur, Hotel Spa Carlos I e o Gran Talaso para coñecer in situ as dependencias e os tratamentos que van recibir as persoas participantes neste programa a partires do próximo mes de setembro.

O percorrido comezou no Hotel Nuevo Astur onde a súa directora, Maria Jesús Rodríguez, destacou a importancia do programa "Deportermal" para desestacionalizar o turismo na localidade ademais de dar unha alternativa de ocio saudábel. Na mesma liña , Leonardo López, do Hotel Carlos I, e Yago Carreira, do Gran Talaso de Sanxenxo falaron da importancia do programa como complemento para o sector hoteleiro nos meses de menor afluencia de turistas. 

Depotermal, ao que a institución provincial destinou este ano 102.000 euros, ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas maiores, facilitándolles o acceso ao turismo de saúde. Así, participarán na iniciativa da Deputación de Pontevedra, a partir de setembro, 4.000 persoas de 57 dos 61 concellos da provincia de Pontevedra con máis de 50 anos, pensionistas, persoas cun grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65 % ou aquelas que precisen dun respiro familiar.

O programa, que oferta un total de 12 establecementos en toda a provincia, inclúe 434 prazas gratuítas para persoas en situación ou en risco de exclusión social e sen recursos económicos, está destinado a persoas.

As 4.000 persoas que participarán nesta iniciativa poderán facelo acolléndose á modalidade diúrna (durante cinco días consecutivos, de luns a venres) ou ben a través dunha estadía en réxime completo que inclúe, ademais da asistencia aos establecementos durante seis días e cinco noites, un programa de actividades de animación sociocultural.