Caballero pide responsabilidades pola xestión dos visitantes ás Cíes

Durante o fin de semana, preto de 3.000 persoas quedaron "tiradas" no medio da Ría nos barcos que debían trasladalos ao Parque Natural. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou a "neglixencia" da Xunta no control da afluencia de viaxeiros ás Illas Cíes logo, e defendeu a cota de 2.200 visitantes de rotación e 800 persoas no cámping porque é o xeito de garantir a pervivencia deste enclave natural, pero cualificou o feito de onte "intolerable" xa que se tomou a peor das decisións: deixar aos pasaxeiros parados no medio da Ría. 

En declaracións aos medios, Caballero non aforrou críticas ás navieiras "que actuaron fatal" pero lembrou que o control das mesmas e da afluencia de visitantes ao Parque Natural é responsabilidade exclusiva da Xunta. Na súa opinión, hai que traballar preventivamente para evitar o sobredimensionamento de visitantes e a sobrevenda. As portadas dos xornais de hoxe luns, con miles de persoas "enfadadísimas" e despois de ser expostas a situacións perigosas son a peor campaña de promoción das Illas Cíes e do turismo de Vigo. 

"É imposible facerlles máis dano, estragando o traballo de moitos anos de promoción deste enclave. O rexedor esixiu ao presidente da Xunta explicacións por unha xestión que causou un inmenso dano á imaxe do Parque e da cidade.

f_xornal.vigo.org