Bule Burela -terra, mar e aire para disfrutar- todo o ano e convoca en moitas ocasións a residentes e forasteiros co gallo das súas festas e eventos, e nomeadamente coa súa Feira do Bonito o primeiro sábado de agosto, mañán, día 5, toca catar a edición XXXIII, un bo fito, abofé.
Burela é referencia importante da Mariña Luguesa, da Mariña Central, en clave administrativa. Bañada polo mar Cantábrico, entre os concellos de Cervo (oeste) e Foz (sur) conta cun porto e unha flota pesqueira sobranceiros.
Quérese dicir que o sector pesqueiro, tamén particularmente pola pescada (merluza) e outras especies de cerco ou arrastre, é algo máis ca relevante e que Burela é o principal porto boniteiro do Cantábrico, feito que fala dunha especial dedicación ao túnido cada ano celebrado, festexado e degustado.
Cumprida unha nova costeira do bonito (do Norte), asoma en agosto a feira deste túnido, declarada de Interese Turístico Galego en 1999. A celebración ocupa a explanada do porto burelés e as racións,
a prezos populares, compóñense de bonito asado, en empanada e cocido.
Milleiros de persoas, tamén de fóra de Galicia, dan boa conta da pitanza e levantan acta dos encantos e da hospitalidade de Burela. Ou coñecen polo míúdo os labores da pesca a través do barco-museo-boniteiro “Reina del Carmen”, surto no porto.
Constituído como municipio en 1994, Burela conta con atractivos turísticos derivados da súa configuración natural e dos servizos en materia de restauración e hotelería. Tamén, por suposto, polas súas praias: A Marosa, coa súa área recreativa, Portelo e Cala do Cabaliño, na zona urbana, e O Cantiño.
Do pouso histórico dan fe os castros, localizados no lugar coñecido como Chao do Castro. Polo demais, en materia festiva, se xuño atesoura as festas patronais, a segunda quincena de xullo é a da Romería e subida ao Monte Castelo, fermosa paraxe e magnífica panorámica, con tres xornadas de intensa e completa celebración gastro-festiva. Bule burela todo o ano acunada polo mar.