
O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que este evento ofrece "un amplo e diverso programa de actividades que mestura concertos, pasarrúas, exhibicións, actividades para os cativos e gastronomía" e sinalou que esta celebración cultural e gastronómica supón "unha gran oportunidade para dar a coñecer as potencialidades turísticas do municipio, unha das vilas termais da nosa provincia"
Pola súa parte, Avelino Luis de Francisco lembrou que Cortegada foi "un dos primeiros mananciais explotados, no ano 1876, e os visitantes poderán gozar, ademais desta xornada de lecer, das nosas augas termais". Asemade, o alcalde de Cortegada sinalou que o Balneario de Cortegada "está sempre moi visitado e proba deso é que, no que vai de verán, pasaron por el máis de 2.000 persoas".
A celebración, tal e como detallou Begoña Estévez, comezará o sábado, 12 de agosto, ás 22.30 horas co espectáculo de Aéreo Soños e, posteriormente, será a quenda para o concerto de Abódriga. Ao día seguinte, "a apertura da Feira será ás 11.00 da mañá ata as 22.00 horas, e cada media hora haberá unha actuación", dixo a concelleira de Cultura. Durante todo o día tamén haberá inchables para os máis cativos.
"Ata o momento temos confirmados 20 artesáns de repostería, téxtil, decoración e bixutería", sinalou Begoña Estévez. En canto á degustación gastronómica, que será a partir das 14.00 horas, a organización ofrece tres posibles menús: "o primeiro deles por 12 euros inclúe porco celta, paella, viño do Ribeiro e bica; o segundo de 10 euros inclúe porco celta, viño do Ribeiro e bica; e o terceiro menú, por un custe de 9 euros, inclúe paella, viño do Ribeiro e postre", explicou a concelleira de Cultura de Cortegada.