Alberto Lema: “A Coruña está a aumentar o seu atractivo e calidade turística”

As cifras achegadas pola Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco) indican que a ocupación hostaleira no pasado mes de xuño rondou o 81%, mentres que as previsións para o mes de agosto falan dun 85%, datos que se manteñen na liña positiva do pasado ano.

"A cidade está aumentar tanto o seu atractivo como a súa calidade turística", constatou o concelleiro de Emprego e Economía Social, e presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema, segundo os datos da ocupación hostaleira. "A Coruña está gañando indiscutiblemente en atractivo e iso se pode ver, entre outras cuestións, porque a previsión para este agosto é moi similar a do ano pasado, tendo en conta, non obstante, que este ano non contamos cun factor como é a Tall Ships Races, que no 2016 tivo á nosa cidade como porto de destino", comentou. 

"A cidade gaña en atractivo por si mesma, porque ten unha identidade propia", avaliou Lema, quen destacou, ademais, o traballo de promoción que o Consorcio de Turismo vén facendo durante todo o ano, "en espazos como Fitur ou o foro Saborea España, co propio Fórum Gastronómico celebrado na cidade ou coas promocións e publicidades en liñas aéreas", ademais da intensa campaña desenvolvida para captar ao público irlandés e inglés, aproveitando os lazos históricos en común. 

Lema destacou como outro dos datos que avalan o crecemento do atractivo turístico da cidade, máis alá da ocupación o que se refire ao prezo por habitación durante o mes de xullo, que de media se incrementou nun 9% con respecto ao ano pasado, até os 78 euros, fronte aos 71,5 do 2016. "E as previsións que nos traslada o sector falan dun aumento estimado no mes de agosto do 4,5%, dende os 88,5 euros até os 92,5 euros", avanzou.

O responsable de Turismo municipal manifestou que, á marxe destes datos, "as expectativas de atracción turística son moi positivas, tendo en conta que esta cidade está a avanzar ademais nun modelo baseado no urbanismo accesible e saudable, na mobilidade sostible e no respecto ao medio ambiente, que é moi valorado nos indicadores turísticos neste momento", e recordou a posta en marcha, por parte do goberno local, do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020.

www.coruna.gal