A Coruña Accesible, nova guía turística

Lanzada Calatayud e Alberto Lema
O Consorcio de Turismo da Coruña vén de editar a guía A Coruña Accesible, que explica e analiza a oferta turística da cidade aos e ás visitantes dende o punto de vista das diversidades. O presidente do ente municipal, Alberto Lema, quen tamén é concelleiro de Emprego e Economía Social, destacou en rolda de prensa que se trata dunha iniciativa "moi demandada e esperada". "Esta guía foi editada polo Consorcio de Turismo grazas á colaboración con Grumico (Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña), entidade sen ánimo de lucro coa que este Concello colabora de forma habitual a través de distintas áreas como Igualdade ou Mobilidade Sostible", indicou o edil, quen quixo agradecer o traballo que "historicamente vén desenvolvendo esta entidade social na Coruña de cara a facer desta unha cidade máis xusta en tanto que máis igualitaria". "Grumico forneceunos de toda a información necesaria para poder facer unha guía que indica e avalía o grao de accesibilidade dos distintos recursos de carácter turístico", comentou.

O Consorcio de Turismo editou 2.000 guías en galego, castelán e inglés. As mesmas repartiranse tanto nas oficinas de turismo da cidade, como nos centros cívicos e nos estabelecementos hostaleiros da cidade. "O Concello da Coruña ten na accesibilidade un dos principais alicerces da súa acción de Goberno. De feito, este ano dedicamos unha parte moi destacable dos orzamentos a fomentar accesibilidade e, polo tanto, a inclusión", comentou Lema, que recordou que, ademais, a guía da accesibilidade verase complementada con outras iniciativas ligadas aos fondos EIDUS (Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible) que recibiu o Concello da Coruña, e que se basean no desenvolvemento de plataformas TIC coas que ofrecer información sobre accesibilidade e mobilidade.

"A guía A Coruña Accesible é fundamental para persoas que visitan a nosa cidade e que contan con diversidades funcionais. Ofrecemos información dos distintos espazos da cidade, dos aloxamentos, dos museos, das praia e do transporte pero, ademais, a guía propón tres roteiros accesibles que van pola Cidade Vella, da Mariña a Torre de Hércules, e dende a Torre ao Monte de San Pedro", explicou Lema, quen destacou que tamén se realiza unha valoración da accesibilidade de todos os elementos que atopamos nestas rutas e que se analizan cun índice cromático que vai do vermello ao verde. "Nunha segunda fase esperamos ir máis alá, e tamén poder facer unha análise dos comercios, restaurantes, etc... que están deseñados para a accesibilidade", engadiu.

A xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, indicou que se trata "da guía de accesibilidade máis completa nestes momentos de toda Galicia". "Detectamos unha demanda recorrente de información por parte dos e das nosas visitantes con diversidades, e demos resposta", dixo.