80.000 euros para a XXXIV Mostra da Olería de Buño

Xa está asinado o convenio entre o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, mediante o cal a institución provincial achega 80.000 euros para financiar a Mostra da Olería de Buño.

Supón o 80% do orzamento total do evento, incluíndo os gastos en publicidade, material gráfico, o alugueiro das carpas e os espazos expositivos, actividades coma obradoiros para nenos e outras animacións, ademais dos gastos de persoal para a organización do encontro.

A Mostra da Olería de Buño, que cumpre a súa trixésimo cuarta edición, desenvolverase entre o 4 e o 13 de agosto, e incluirá actividades coma roteiros turísticos, actuacións musicais, obradoiros e distintos tipos de artesanía tradicional da zona. A mostra desenvolverase no parque Luciano García Alén, onde se situarán as casetas de venda, e no Ecomuseo Forno do Forte, que acollerá a xa emblemática cocedura tradicional.

Valentín González Formoso, destacou que co apoio á mostra, a Deputación pretende impulsar a "olería de Buño non só como recurso cultural e turístico senón tamén como motor para a creación de emprego e riqueza na comarca" e confirmou que a institución provincial continuará colaborando no seu desenvolvemento.

O Ecomuseo, adquirido e rehabilitado pola Deputación da Coruña, tamén ofrecerá distintas exposicións e visitas ás coleccións sobre a tradición oleira da comarca. Este inmoble conserva os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería, ademais de recuperar e mostrar a historia das distintas formas nas que se traballa o barro na comarca.