650.000 euros para promocionar os seis xeodestinos da provincia da Coruña

A concesión definitiva do programa de subvencións dirixidas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade e a competitividade, así coma a realización de actividades turísticas durante o ano 2017 acaba de ser aprobado pola Deputación da Coruña, que concede así 560.000 euros a oito entidades de toda a provincia.

Para a concesión das achegas valoráronse especialmente os plans de formación e de actualización dos profesionais do sector. Esta liña de axudas responde á vontade do goberno provincial de promover os seis xeodestinos da provincia, fomentando un turismo de calidade e impulsando a profesionalización e a modernización do sector turístico. 

As axudas provinciais financian tamén a organización e celebracións de eventos e o desenvolvemento de novos produtos, co obxectivo de dinamizar e diversificar a oferta turística no entorno.

O xeodestino de Ferrolterra é o que máis achegas concentra, un total de 180.000 euros que se reparten entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que recibe 100.000 euros para elaborar un plan de promoción das Rías Altas a través de diversos eventos e a creación de bonos de experiencias, e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, á que se lle concederon 80.000 euros para potenciar rutas coma a das Meninas de Canido ou o Camiño Inglés e mellorar a xestión técnica da entidade.

Así mesmo, na comarca de Barbanza foron tres os entes turísticos que solicitaron as axudas da Deputación. A Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia recibiu 40.000 euros para realizar cursos para profesionais do turismo e desenvolver o programa "Experiencia Ría de Muros-Noia", que inclúe actividades gastronómicas, culturais e deportivas.

Así mesmo, a Asociación Socio-Cultural Auga e Sal utilizará os 20.000 euros aportados pola Deputación para adquirir material de promoción e realizar visitas guiadas no entorno de Muros. Por último, a Mancomunidade da ría de Arousa-Zona Norte, que conta cunha achega provincial de 60.000 euros, financiará a participación en feiras internacionais coma ITB Berlín, WTM Londres ou o Salón Náutico de París, así como a organización de eventos turísticos na zona e a mellora da xestión técnica.

Doutra banda, Información e Comunicación Local (INCOLSA) tamén contará cunha achega provincial de 120.000 euros para levar a cabo accións coma o evento Santiago (é)tapas, desenvolver unha aplicación turística e realizar novas actividades arredor da música e as tradicións populares no xeodestino das Terras de Santiago.

Unha achega da mesma contía económica tamén foi concedida ao Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, para a realización de actividades na zona de As Mariñas, coma os econtros gastronómicos Picadillo e Bocata Gourmet ou a I Xornada de turismo urbán.

No xeodestino da Costa da Morte, a Deputación contribuirá, cunha achega de 20.000 euros, ao desenvolvemento do programa "O Encaixe no Camiño", do que se encarga a asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas. Este programa inclúe unha exposición no Faro Vilán, unha ruta deste Camariñas ata Santiago de Compostela e unha celebración do día de Camariñas o 25 de xullo, consistente nunha recreación da lenda sobre a orixe do Encaixe.

f_dicoruna.es