Xardín galego premiado en Londres

A recreación dun xardín dun pazo galego vén de recibir a medalla Silver Gilt na modalidade de Xardíns do mundo, o máximo recoñecemento que se outorga aos xardíns participantes na prestixiosa exposición floral anual Hampton Court Palace Flower Show de Londres.

Baixo o título ‘O xardín segredo do Pazo’, este xardín é froito do traballo levado a cabo por Turismo de Galicia para promover un dos recursos turísticos de especial significación na Comunidade como é a Ruta da Camelia. 

Este xardín ten máis de 50 metros cadrados e recrea un patio dun pazo galego con esta flor, que posiciona así internacionalmente o recurso dos xardíns galegos asociados a esta ruta. Ademais, esta proposta presentada por Turismo de Galicia está a suscitar gran interese entre os milleiros de visitantes.

Esta é a segunda vez que un xardín presentado por Turismo de Galicia obtén este recoñecemento, despois de que o ano pasado participase con ‘A Ruta da Camelia’, acadando un premio na máxima categoría. Con iniciativas como esta estase a pór en valor un recurso turístico de enorme potencial en Galicia, o da camelia, onde viven algunhas das máis antigas de España e algunhas das máis lonxevas de Europa. Galicia é, ademais, único destino en Europa con tanta variedade de camelias e con tanta tradición en coleccionismo.

Ademais, cada vez é maior o potencial internacional da Ruta da Camelia, unha ruta única no mundo e o itinerario especialmente deseñado en Galicia para percorrer a nosa comunidade de norte a sur a través de 12 pazos e xardíns públicos onde a camelia habita en todo o seu esplendor. Todos estes xardíns contan con sinalización turística propia para unha mellor identificación destes exemplares.