Verán de festas

Galicia é terra de festa e romaría, fogar dun pobo que gusta da boa mesa e da celebración das súas tradicións. Durante todo o ano abundan os encontros festivos e as exaltacións gastronómicas por toda a nosa xeografía. Pero cando chega o verán o espírito festivo dos galegos desbórdase, raro é o municipio que non aproveita estes meses para honrar ao seu patrón ou reivindicar o seu produto gastronómico estrela.

A encargada de abrir a tempada de festas por todo o alto foi a máxica noite de San Xoán, de un xeito especialmente intenso na Coruña. Continuando nas grandes cidades de Galicia, en Xullo a gran protagonista será sen dúbida Santiago coas súas festas do Apóstolo. Quince días de festa sen pausa con concertos e actividades polas rúas, destacando por suposto os tradicionais Fogos do Apóstolo na noite do 24, antesala épica do Día de Galicia, que gozarán especialmente os afortunados que consigan un oco na Praza do Obradoiro.

Este fin de semana, un dos principais atractivos turísticos de A Estrada, a Rapa das Bestas de Sabucedo, festa declara de Interese Turístico Internacional

En Agosto non hai escusa para non pasarse por Pontevedra. A capital das Rías Baixas homenaxea á patroa da provincia coas Festas da Peregrina, que encherán de xente as rúas entre os días 12 e 20, creando un ambiente perfecto para as actividades e concertos que se celebran a diario nas súas prazas.

Pero hai vida máis alá das grandes cidades, sobre todo no que á gastronomía se refire. As festas de exaltación dos produtos do mar e da terra enchen Galicia de norte a sur, ofrecendo un sinfín de oportunidades para probar os froitos dos nosos mares e o produto das nosas hortas.

Unha das citas a ter moi en conta é a festa do Percebe do Roncudo de Corme, que este 15 de de xullo celebra a súa XXV edición. Entre os manxares que ofrece a costa galega, o percebe é un dos máis valorados tanto polos locais como polos visitantes, que dende hai anos toman esta pequena vila mariñeira nunha festa que gaña en popularidade: en 2016 serviron máis de 600 kg. de percebes.

Temos outra cita destacada o 23 de Xullo en Rianxo, que celebra a súa festa da xouba repartindo racións a prezos populares tanto ao mediodía como á noite. Outras opcións son a Festa do Peixe Espada que se celebra a finais de Xullo en A Guarda ou a Festa do Bonito de Burela, onde levan repartindo racións deste peixe a comezos de Agosto dende hai máis de 30 anos. Aínda que se falamos de veteranía, non podemos esquecernos da Festa do Polbo do Carballiño, un evento declarado de interese turístico nacional e que este ano celebra a súa LIV edición o 13 de Agosto.

Son só algunhas das exaltacións máis relevantes dos produtos das nosas costas. Pero se preferimos os froitos da terra tampouco nos faltan opcións. Por toda a xeografía galega sucédense citas entre as que destacan os eventos de exaltación do pemento, con dous exemplos tan relevantes como a festa do Pemento de Herbón en Padrón, celebrada a comezos de Agosto e a festa do Pemento de Mougán en Guntín, a finais dese mesmo mes.

E se acaso somos máis de beber que de comer tampouco teremos problema, as festas báquicas galegas non faltarán á súa cita do verán. En xullo temos o Festival do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte, a Festa do Tinto Rías Baixas en As Neves e a Feira do Viño do Rosal. Quedan para agosto a Festa do Albariño de Cambados e a Festa do Viño do Condado en Salvaterra.

Pescado, marisco, viño, pementos… Pero por moito que nos guste a boa mesa, en Galicia non todo é comer e beber. Os nosos festivais enchen de música o verán con propostas para todos os gustos. Destaca o Festival de Ortigueira, que naceu en 1978, referente mundial do folk.

Tamén é preciso mencionar o Resurrection Fest (Viveiro) e Portamérica (Caldas), Revenidas (Vilaxoán), SonRiasBaixas (Bueu), SinSal (San Simón)… Propostas para todos os gustos musicais.

Festas gastronómicas, romarías, festivais.. A lista completa é inabarcable, Galicia pon todos os ingredientes para un verán inesquecible. ¿Comezamos?