Ternera Gallega en cifras

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega pechou o pasado exercicio 2016 cun crecemento positivo practicamente en todas as súas magnitudes. Así o comentou o seu presidente, Jesús González Vázquez, nunha cita que serviu tamén para comunicar a constitución do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia e a toma de posesión dos vogais do seu Pleno. 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou que a nova Denominación de calidade, que pasa a amparar os selos ‘Ternera Gallega’ e ‘Vaca e Boi de Galicia’, constitúe un soporte que permitirá mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto, así como contribuír á xeración de riqueza para este sector, fundamental en Galicia, desde a innovación, pero respectando a tradición e o saber facer dos nosos gandeiros. 

A peche de 2016, as principais magnitudes de Ternera Gallega creceron por riba do 4 %. Así o avalan a certificación dun 4,6 % máis de canais, a comercialización dun 4,1 % máis de toneladas de carne baixo o amparo da IXP e o incremento do volume de negocio nun 4,4 %. 

A nivel socioeconómico, cómpre sinalar que creceron as gandarías inscritas na IXP un 4 %, acadando as 8.154, debido á consolidación da denominación no sector e ao cambio de orientación produtiva leite‐carne. Ademais, o número de industrias e comerciais inscritas superou na actualidade a centena, concretamente 102. 

O número de tenreiros identificados por Ternera Gallega foi de 126.251 cabezas, o que supón un incremento do 4,1 % con respecto ao ano anterior, centrado sobre todo nas explotacións tradicionais con vacas nais. 

En canto ao número de canais certificadas, o aumento foi considerable, un 4,6 %, acadando as 93.835. E no que respecta ao volume de carne comercializada baixo o selo Ternera Gallega, tamén aumentou notablemente, un 4,1 %, superándose por primeira vez as 20.000 toneladas, concretamente 20.687, ou sexa 805 toneladas máis que no 2015.

Na actualidade, na IXP están inscritas e activas 102 industrias e comerciais cárnicas, as máis significativas das que existen en Galicia para a carne de vacún, na categoría ternera. O volume de negocio en primeira venda, tendo en conta as transaccións comerciais realizadas entre a industria e a distribución, foi de 117 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 4,4 % respecto do ano anterior. Ademais, no 2016 os prezos en orixe no conxunto do ano estiveron equilibrados con respecto ao 2015, e desde o segundo semestre manteñen unha certa recuperación. 

Desde o punto de vista da distribución territorial, Lugo segue a ser, mantendo a tendencia histórica, a provincia de maior importancia na IXP, concentrando o 75 % das explotacións gandeiras inscritas, máis do 60 % dos tenreiros rexistrados e máis do 44 % da actividade industrial cárnica de vacún. 

A nivel estatal, a IXP Ternera Gallega certifica arredor do 56 % da carne que se comercializa con Denominación de calidade, e segundo proban varias enquisas, é a carne máis coñecida e valorada polos consumidores. A nivel europeo está aceptada como a Denominación de calidade de referencia no sector cárnico. 

O seu consumo repártese entre Galicia (43,5 %), o resto de España (54 %) e a exportación (2,5 %), que vai aumentando grazas ao Plan de internacionalización posto en marcha pola IXP. 

En canto a ‘IXP Vaca e Boi de Galicia’, un selo que pon en valor a carne do vacún maior galego, cuxo Regulamento e constitución do seu Consello Regulador provisorio foron publicados no Diario Oficial de Galicia o pasado 30 de xuño, é protexer, preservar e poñer en valor a carne fresca de calidade procedente das vacas e bois que se producen en Galicia, baixo a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. 

Esta carne procederá das principais razas existentes na nosa comunidade, como son a Rubia Galega, Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), Asturiana dos Vales, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e Pardo Alpina. Esta carne deberá presentarse refrixerada para cumprir as normas da IXP, sen que poida ser conxelada ao longo do proceso de obtención e comercialización.