Senda peonil fluvial en Bande

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; e o alcalde de Bande, José Antonio Armada, asinaron un convenio de colaboración para completar o acondicionamento das marxes do río Badella ao seu paso polo núcleo urbano de Bande, actuacións que supoñen un investimento que ascende aos 295.000 euros.

Estas actuacións serán sufragadas nun 80% pola CHMS e o 20% restante pola Deputación de Ourense, mentres que o Concello de Bande comprométese a conseguir os terreos necesarios para a execución das obras.

O obxectivo desta nova actuación é a continuación do proxecto anterior, para obter un corredor fluvial natural, no que se compatibilice a restauración e rehabilitación do bosque de ribeira coa consolidación do dominio público hidráulico, a través de sendas peonís que faciliten o mantemento da zona e permitan o uso público da mesma.

Acondicionarase un tramo de aproximadamente 800 metros de lonxitude desde a rúa Hermanos Martínez, á altura do matadoiro municipal, ata unha pista forestal que cruza o río e que se comunica coa estrada OU-540, co obxectivo de conseguir unha xeometría homoxénea e un pavimento uniforme que permita un uso confortable e seguro para conseguir unha senda peonil de 1,8 quilómetros de lonxitude. Construirase, ademais, unha escaleira de baixada á canle no punto intermedio. Como complemento a estas actuacións procederase á revexetación do entorno con especies autóctonas e á colocación de sinalización ambiental no tramo. O prazo de execución das obras estímase en 6 meses.