Plan Estratéxico de Turismo da Coruña

O Plan Estratéxico de Turismo é, tal e como puxo de relevo o director do proxecto, Iñaki Gaztelumendi, durante a súa presentación, unha folla de ruta para os vindeiros catro anos (2017-2020), que impulsa o Consorcio de Turismo coa colaboración do sector, e que establece unha serie de obxectivos estratéxicos como son situar o turismo como eixe clave para o desenvolvemento sustentable da cidade, organizar e dar maior calidade, variedade e profundidade á proposta turística actual da Coruña, aumentar a rendibilidade económica e social do turismo, posicionar A Coruña como destino urbano baseado nos valores identitarios da cidade e camiñar cara a un novo modelo de organización na xestión turística, un modelo de "gobernanza" baseado sobre os consensos.

Durante a presentación do Plan Estratéxico de Turismo da Coruña (PET), o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro que "supón unha estratexia que ten que implicarse na estratexia de cidade, e cunhas liñas que teñen moito que ver co proxecto de cidade de proximidade, con esa Coruña Próxima que se está a impulsar desde o Goberno local, e que sitúa ás persoas no centro". "Todo o que fagamos que sexa bo para a veciñanza será bo tamén para os e as turistas", salientou, para destacar que o documento "conta con todas as voces: cidadás, profesionais, académicas e políticas". 

"É importante que poidamos facer un plan con valores compartidos, para que poida ser perdurable e poida ser o fío condutor da nosa actividade turística por moitos anos", indicou o primeiro edil, quen avanzou que o documento servirá "para establecer o relato de cidade que queremos proxectar cara a fóra, para darnos a coñecer como cidade. Nese sentido, remitiuse aos atributos que recolle o proxecto, e que destacan o carácter atlántico da cidade, "como fío condutor da diversidade da cidade e como elemento identificativo", así como a identidade cultural e gastronómica ou a capacidade de innovación, e a potencialidade para converterse en referente, atractor da actividade cultural, a través da ampla oferta musical e o que o plan denomina a 'cultura pop'. "Estamos no momento de planificar o turismo para poder medrar sen que isto supoña un problema, senón unha oportunidade para enriquecer a nosa cidade económica, cultural e humanamente a través das visitas", destacou, para subliñar o crecemento importante que está a experimentar, desde o ano pasado, o sector, tanto a nivel de ocupación como tamén de rendibilidade, ratificado tanto na última Semana Santa coma no último San Xoán.

O alcalde vinculou, neste sentido, o plan ás liñas estratéxicas que se están a impulsar desde o Concello, como son a estratexia DUSI, de desenvolvemento urbano sostible e integrado, que, como indicou, recolle ata sete das accións que se contemplan no documento de estratexia turística, entre elas accións como o sistema de intelixencia turística, a mobilidade turística ou a sinalización. Da mesma maneira, Ferreiro aludiu á "importante visión metropolitana do plan, que leva a entender A Coruña como o lugar desde o que coñecer Galicia, a costa, o Atlántico, como a base desde a que se pode ir a moitos lugares e vivir a realidade metropolitana como unha entidade". "Todos nos enriqueceremos se a promoción turística dos nosos concellos e provincia faise en cooperación, e A Coruña ten o potencial para liderar esa promoción", valorou.

Durante a presentación, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema -a quen acompañaron a xerente de Turismo, e o presidente de Hospeco, como representante do comité de seguimento do PET, ademais do propio alcalde e do director do proxecto, Iñaki Gaztelumendi- advertiu da necesidade detectada na cidade "de ter unha pauta que ordenase o sector turístico que parta do consenso dos actores políticos e sociais, un plan de cidade, e que, por tanto, poida supoñer unha folla de ruta que inicie este Goberno e que, aínda que estableza como marco os anos 2017-2020, poida continuar quen veña despois". "Este é un primeiro paso para situar A Coruña no lugar que merece, no lugar no que están que cidades cunha escala e tamaño similar á nosa", considerou, para incidir na "pluralidade do plan, que nace de diversidade de miradas e das visións comúns que teñen diversos actores da cidade".

Nese sentido, a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, deu conta da metodoloxía seguida na elaboración do documento, no que, o equipo redactor realizou, xunto co traballo de análise de documentación e estatística, medio cento de entrevistas con persoas 'clave' da cidade e do sector turístico, e desenvolveu cinco xuntanzas de diagnose estratéxica, propostas de modelo e plan de acción. Tamén se levaron a cabo cinco mesas de traballo sectoriais, e unha enquisa online con máis de 400 respostas, e se contou co traballo da Escola de Turismo da Coruña, que tivo unha participación activa na elaboración do plan, e que realizou tres estudos sobre elementos clave do sistema turístico, como son os recursos, a adecuación do espazo físico e a reputación online.

O resumo executivo do plan está dispoñible para consulta no seguinte enlace: http://turismocoruna.com/media/documentos/TurismoCoruna_PET17.pdf

http://www.coruna.gal