Buscar/Hemeroteca

martes, 4 de julio de 2017

O tren peregrino percorrerá Galicia en agosto

O tren peregrino, cuxos billetes xa están á venda, volverá percorrer a Comunidade galega este verán por terceiro ano consecutivo permitindo que aqueles viaxeiros que o desexen poidan percorrer a pé ou en bicicleta as últimas etapas do Camiño Portugués e obter a Compostela.

Este percorrido, enmarcado na oferta turística ferroviaria para este verán impulsada por Turismo de Galicia, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), partirá de Madrid con destino Santiago de Compostela e terá catro saídas, os días 3, 10, 17 e 24 de agosto.

Cada viaxe durará catro días e cinco noites e os viaxeiros que realicen o camiño atravesarán as poboacións de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Arcade, San Amaro, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Rei, Valga, Padrón ou Teo que pertencen ao Camiño Portugués que, por primeira vez se incorpora ao percorrido do Tren Peregrino.

Este ano ademais das novidades no itinerario, aqueles que o desexen poderán recorrer as etapas cuxa lonxitude sumada permita obter a Compostela ao final da viaxe. Para acadala, os peregrinos deben acreditar ter realizado polo menos 100 quilómetros a pé, o que se pode lograr nas tres etapas que inclúe o programa do Tren do Peregrino.


Dende a estación na que o tren se detén ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os viaxeiros serán trasladados nun autobús que os acompañará no seu traxecto para os desprazamentos que sexan necesarios. Ademais, esta nova opción de vivir a experiencia que supón o Camiño de Santiago, inclúe unha selección de excursións, actividades e visitas culturais completan a viaxe no tren-hotel.

O Tren do Peregrino forma parte do programa Galicia a todo Tren, o proxecto turístico pioneiro que permite coñecer a Comunidade galega en tren e que dende o mes de xuño está a ter unha moi boa acollida entre os viaxeiros. A edición deste ano inclúe 11 itinerarios, que inclúen as rutas Ourense termal e de compras, a ruta Descubrindo A Coruña, a ruta dos Pazos e Xardíns históricos, a Ruta da lamprea, a Ruta Lugo Romano, a Ruta dos Faros e as rutas das cinco denominacións de orixe.

No hay comentarios: