O Arde Lvcvs do vindeiro ano será os días 15, 16 e 17 de xuño

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, de Lugo Carmen Basadre, anunciou que o Arde Lvcvs MMXVIII celebrarase os días 15, 16 e 17 de xuño por ser a fin de semana seguinte á Ofrenda do Corpus, a referencia que se vén utilizando para sinalar a data da festa de recreación histórica romano castrexa. 

A edil subliñou a consolidación do Arde Lvcvs, cunha “altísima participación”, moi difícil de cuantificar porque se trata dunha celebración na rúa na que se produce un continuo fluxo de persoas. “É unha fin de semana de cultura aberta na rúa que une lecer e diversión con coñecemento e posta en valor da historia e do patrimonio, que revitalizamos cada ano para que sexa coñecido por todo o mundo”.

A Concelleira de Cultura expresou o seu agradecemento ás asociacións de recreación histórica “polo traballo que fan todos os días”, e ao resto das persoas e colectivos que dalgún xeito tomaron parte na organización para que de novo o Arde Lvcvs, no ano no que estreou a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional, fose un éxito, con especial mención á Policía, en especial á Local, ao servizo de limpeza, de Bombeiros e Protección Civil.