Noites teatralizadas en Pazos de Arenteiro

O Concello de Boborás dará a coñecer a riqueza cultural e patrimonial da súa aldea Pazos de Arenteiro a través das “Noites teatralizadas” que se celebrarán todos os venres, do día 14 de xullo ata o 15 de setembro, ás 22.30 horas, unha actividade para todos os públicos e de balde. A presentación desta proposta cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e o representante da Asociación Cultural Plan B, Darío Rodríguez.

Cada visita durará unha hora aproximada e ten “varios piares fundamentais: a interacción co público, a música en directo que lle dará máis espectacularidade e o compoñente lúdico, aínda que tratamos tamén de facer unha experiencia didáctica para ensinarlle aos espectadores o que foi Pazos na Idade Media”, explico Darío Rodríguez, quen asegurou que será tamén importante “o factor sorpresa”.

Os interesados en participar deberán realizar a súa reserva a través dos números de teléfono: 645865080 ou 619442622, xa que o aforo está limitado a 30 persoas.