Mostra de Cervexa Artesá en Santiago

Marta Lois, no centro, durante a presentación da Mostra
Santiago acollerá a I Mostra de Cervexa Artesá, que se celebrará do 7 ao 9 de xullo. Na súa presentación, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, destacou a potencialidade desta primeira edición, que "permitirá dar a coñecer o traballo dos cervexeiros artesáns como provedores no eido da hostalería local". 

A Mostra celebrarase esta vindeira fin de semana con actividades tanto de balde como de pago e inscrición. A inauguración será o venres, ás 18:00 horas, coa pinchada do primeiro barril. Continuará cunha foliada galega ás 19:00 horas e cun obradoiro de introdución e cata de cervexas artesanais a cargo de Jesús Rivera Armán. Esta actividade ten un prezo de 5 euros por persoa e require anotarse no correo fillos.da.malte@gmail.com

Xa o sábado terá lugar un curso de elaboración de cervexa artesá a cargo dun mestre cervexeiro. Esta actividade será de balde, e tamén está programada unha cata friki a cargo da tenda de cervexas La Atlántica. É preciso anotarse en info@la-atlantica.com e ten un prezo de 20 euros por persoa.

A partir das 20:00 horas, Belén Matilla dará unha charla sobre o lúpulo en Galicia que precederá ao concerto do grupo de música Jimmy & Jesus, xa a partir das 21:00 horas.

Na xornada do domingo, e xa pola tarde terá lugar un curso gratuíto de elaboración de cervexa artesá a cargo dun mestre cervexeiro. Ás 19:00 horas terá lugar unha cata de cervexas galegas impartida pola Cervexería Beerlab, e partir das 22:00 horas celebrarase o concurso no que se elixirá a mellor etiqueta e a mellor cervexa da feira e sortearanse packs entre o público participante.