Medio Rural cederá unha tonelada de uva a IXP Viños de Betanzos

A Consellería do Medio Rural cederá arredor dunha tonelada de uva á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de viños de Betanzos. Deles, aproximadamente un 70% corresponde a uvas da variedade branco lexítimo e o 30% restante de godello. 

Esta colleita supón practicamente o total da uva que se recolle anualmente nos terreos que xestiona o Centro de formación e experimentación agroforestal de Guísamo (A Coruña), que depende da consellería. Este centro quedarase unicamente cunha pequena parte desta vendima, necesaria para realizar os ensaios correspondentes.

A iniciativa para levar a cabo esta cesión por parte da Xunta xurdiu tras as dificultades sufridas por parte de viticultores desta zona de produción a causa das xeadas. As uvas serán para membros da asociación de viticultores de Betanzos integrados na IXP e o reparto farase en función das perdas declaradas a causa do devandito fenómeno meteorolóxico adverso. A cesión farase efectiva despois da vendima do vindeiro outono.

Os viños da IXP Betanzos elabóranse, segundo o seu prego de condicións, coas seguintes variedades: godello, albarín branco (branco lexítimo), chenín branco (agudelo) e palomino, nas variedades brancas. E mencía, brancellao, merenzao, gran negro e garnacha tintorera, no caso das castes tintas.