Javier Veiga será o pregoeiro da Feira do Viño de Valdeorras

O actor Javier Veiga será o encargado de pronunciar o pregón na vindeira Feira do Viño de Valdeorras, que este ano acada a súa vixésima edición. Así o revelou esta mañá o presidente do Consello Regulador, Francisco García, nunha comparecencia informativa xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e ao deputado provincial, Juan Anta, para presentar o foro que se desenvolverá na Praza de Viloira os vindeiros 15 e 16 de xullo.

O acto inaugural terá lugar o sábado 15 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. A día de hoxe, segundo comunicou o presidente do Consello Regulador, “hai 18 bodegas confirmadas para a feira, pero o prazo segue aberto polo que esperamos ampliar o número nos vindeiros días”.

A feira contará cun programa completo de eventos paralelos, que se iniciará cun curso sobre novas tecnoloxías aplicadas á venda de viño, que se promoverá en colaboración coa Evega o vindeiro día 6 no salón de actos do Concello do Barco. Ademais, ao igual que en anos anteriores, celebrarase unha cata profesional na xornada do venres 14 e o domingo entregaranse os premios ás bodegas gañadoras neste certame oficial. 

Xunto a isto, os días 13 e 14 celebrarase a segunda ruta dos pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras pora en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 17 establecementos da zona.