En tintos, 1º Premio- D´Berna de Guitián y Blanco S.C., 2º Premio- Viña Costeira Mencía de Viña Costeira S.C.G., 3º Premio- Cepado Mencía de Adega Cepado S.L. A mención especial “viños doutras añadas” foi para Garnacha Vella da Chaira do Ramiriño 2015 de Bodega Sampayolo S.L.
O presidente en funcións do Consello Regulador, Francisco García, expuxo a necesidade de “articular circuítos turísticos arredor do viño en Valdeorras” no discurso que pronunciou con motivo da inauguración da XX Feira do Viño da comarca perante a conselleira do Medio Rural, o vicepresidente da Deputación de Ourense e o alcalde do Barco. O acto inaugural contou, ademais, coa participación do actor Javier Veiga en calidade de pregoeiro do foro.
“En Valdeorras temos a gran sorte de posuír un patrimonio natural, histórico e cultural que ofrecer, como pode ser o caso das nosas singulares covas, que teñen un gran valor antropolóxico e nas que se segue a elaborar viño. Todo isto unido a unha ampla oferta de restauración, cunha gastronomía autóctona, que non deixa indiferente a ningúen”, abondou García.
Por iso, é importante –proseguiu- “afondar na creación de circuítos turísticos específicos e permanentes arredor do viño, propoñendo e desenvolvendo actividades diversas, e promocionalos en diferentes puntos xeográficos para favorecer a chegada de enoturistas ao noso territorio, para que poidan disfrutar de todos os nosos atractivos”.