Campionato do Mundo de Snipe, do 1 ao 11 de agosto na Coruña

A Coruña acollerá entre os días 1 e 11 de agosto o Campionato Mundial de Snipe, unha cita deportiva, que promove o Real Club Náutico coa colaboración do Concello, e que coincidirá no tempo coas Festas de María Pita e "situando á cidade e as súas augas no foco mundial da vela durante o mes de agosto"

Durante a presentación, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, destacou que a celebración desta iniciativa no municipio incide, "á vez, no compromiso do Goberno local co lecer e deporte náutico". "O Goberno local reafirma a súa aposta da Coruña como cidade atlántica e mariñeira, por mirar cara ao mar e afondar na relación do municipio co seu patrimonio natural e co Atlántico tamén nunha das súas vertentes máis singulares e que cremos imprescindibles, como é o deporte náutico", destacou Ferreiro. 

O Campionato Mundial do Snipe acollerá dúas competicións, da categoría Xuvenil e Open, que admitirá tamén participantes da primeira. Entre as dúas modalidades, haberá máis de 200 regatistas de 18 países diferentes, "entre os que se atopan campións do mundo, de Europa ou dos Xogos Panamericanos", segundo avanzou o alcalde, que estivo acompañado de Germán Suárez-Pumariega, presidente do Real Club Náutico da Coruña, a quen agradeceu o seu impulso na organización do evento. 

No acto tamén estiveron presentes Martín Bermúdez, Secretario Xeral en Europa da Snipe Class International Racing Asssociation (SCIRA) e Marta Míguez, Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. A competición xuvenil desta embarcación de vela lixeira celebrarase entre os días 3 e 6 de agosto --os días 1 e 2 serán as xornadas de medición--, mentres que o Open será entre os días 7 e 11. As regatas comezarán todos os días ás 12.00 horas, e, no caso do mundial xuvenil, celebraranse até 3 regatas por día --até un máximo de 9--. No campionato Open, no que tamén serán 3 regatas por día, poderán ter lugar até un máximo de 11.