Aumentan as visitas no Castelo de Soutomaior


O Castelo de Soutomaior está superando este ano todas as expectativas de visitantes do servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra. Un total de 10.000 persoas xa pasaron este ano polo castelo, 4.000 delas durante os primeiros vinte días de Xullo. 

Os bos datos fixeron que a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosara a súa satisfacción, subliñando que os datos deste mes de Xullo superan nun 30% os de 2016. Ademais, Silva adiantou que xa hai reservas para visitas en grupo durante todas as fins de semana do mes de agosto, polo que é previsible que continúe a boa tendencia. 

Xunto ás 6.000 persoas que visitaron entre xaneiro e xuño o Castelo, hai que engadir as preto de 4.000 que o fixeron nos primeiros vinte días de xullo e as máis de 600 que mercaron a súa entrada para asistir ás visitas teatralizadas organizadas pola Deputación de Pontevedra en Soutomaior. Ao respecto, Silva amosou a súa satisfacción porque "este ano, tan so uns días despois do comezo da venda das entradas, esgotáronse as prazas dispoñibles polo que estamos a pensar que, no 2018, quizás teñamos que incrementar o número de funcións para dar resposta ás demandas da cidadanía".

O servizo de Turismo Rías Baixas tamén está a detectar un interese crecente nas sendas do xardín botánico do Castelo de Soutomaior polo que, tal e como asegurou Silva, "a partir do ano que vén establecerase un sistema para contabilizar as visitas ao espazo exterior do castelo".

A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que durante o vindeiro inverno a institución provincial executará o proxecto de musealización do Castelo de Soutomaior, co obxectivo de crear un discurso expositivo máis atractivo e completo. Por ese motivo, segundo informou Silva, o edificio do castelo pechará entre decembro e marzo de 2018 cando se poderá ver xa a musealización do Castelo e desfrutar das novas programacións no recinto dirixidas ao turismo familiar.