As festas do Apóstolo encherán Compostela de espazos musicais

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou a programación das festas do Apóstolo, que se celebrarán do 14 ao 31 de xullo. Martiño Noriega salientou que serán "18 días cunha intensa actividade, con propostas dirixidas a públicos moi diversos, en localizacións distintas por toda a cidade, e coa implicación de diferentes colectivos de Compostela". O rexedor salientou que se consolidan apostas que foron xurdindo nos últimos anos, coma o ciclo Artellando, o concerto das bandas galegas na Quintana ou as actuacións dos grupos do censo Compostela É Música! na praza do Toural.
A pregoeira das festas do Apóstolo será a cantante Uxía, un dos grandes nomes da música galega e unha das maiores divulgadoras da nosa poesía. O pregón de Uxía dende o balcón do Pazo de Raxoi, no venres 14, dará comezo a unhas festas que terán como epicentro a praza da Quintana. No seu escenario celebraranse os principais concertos da programación, incluído o da noite do pregón, que muda o seu escenario habitual da praza do Obradoiro.

Nos primeiros días do Apóstolo 2017, do 14 ao 18 de xullo, a Quintana será para Terra de Fraternidade, un ciclo que, segundo explicou o alcalde, "nace coa vontade de que as festas sexan tamén un espazo para o encontro das diferentes culturas do mundo, a través da música". O primeiro dos concertos estará protagonizado por Raigaña, Mercedes Peón, e banda polaca Warsaw Village Band. O ciclo tamén nos dará a oportunidade de escoitar música chegada de Ghana, Mozambique, Brasil ou Etiopía.

Despois de Terra de Fraternidade seguirán as grandes propostas musicais na praza da Quintana. O 20 de xullo será a vez da Real Filharmonía de Galicia acompañada pola cantante Uxía e, ao día seguinte, o escenario acollerá a proxección da ópera Il Trovatore, de Verdi, coa Orquestra Sinfónica e Coro do Gran Teatre del Liceu. O 22 de xullo será o momento do Certame Folk organizado por La Voz de Galicia, que se pechará coa actuación de Milladoiro, e o 23 de xullo celebrarase a tradicional xornada de folclore coa participación dos catro grupos máis representativos da cidade: Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia.

Xa o 24 de xullo terá lugar un dos principais concertos das festas, con The Chevelles e The Gift. Os primeiros son uns dos principais representantes do power-pop australiano, cunha traxectoria artística de 27 anos nos que teñen ofrecido máis de 1.500 concertos. En canto aos lisboetas The Gift, chegan a Santiago dentro da xira de presentación do seu sexto disco, Altar.

O día grande do Apóstolo resérvase na praza da Quintana para un concerto que estará protagonizado exclusivamente por bandas galegas, "repetindo unha experiencia que resultou moi satisfactoria o ano pasado", segundo apuntou o alcalde. Desta vez, xuntaranse no cartel Comando Katanam, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha.

Na xornada seguinte, o 26 de xullo, chegará outro dos pratos fortes destas festas: os barceloneses Dorian, que compartirán escenario con Tórtel. O 27 de xullo será a vez para o soul e o gospel de Irvin Arthur & The Black Voices of América, acompañados por Hot Swing Revue. Xa o día 28 estará en Santiago a cantante estadounidense Macy Gray e, o 29, Alejandro Vargas Consort e a Camerata Gelrio, xunto coa cantante Rosa Cedrón, para recordar a Chané no centenario do seu nacemento.

A do 30 de xullo será outra noite moi especial na Quintana, cun concerto que reunirá a Treixadura, Cantigas e Agarimos e a Banda Municipal de Música. A programación nesta praza pecharase co concerto, o día 31, de Allah-Las e The Limboos.

Á marxe do escenario da Quintana, no Apóstolo 2017 haberá moita máis música. Repetirase a aposta polos músicos locais que forman parte do censo Compostela É Música!, que terán reservado o escenario da praza do Toural do 25 ao 31 de xullo. Por alí pasarán a Orquestra Xuvenil de Estudio, Falúa, Xosé Constenla e Os Desbandados, Esposa, Natasia Zürcher e The Funkles.

Ademais, o Concello e a Asociación Cultural Cidade Vella colaboran para facer realidade as actuacións de dez grupos distintos en espazos como a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio, e a Vía Sacra. Serán formacións de estilos ben diferentes, que van dende a música máis tradicional ao jazz, o funk ou o rock. No ciclo participaran Xan Campos ESD, Gruzvilla, Monkillos, Do Fondo do Peto, Tiberevi, Pardo & King, Filo, Puma Pumku, e Lar Legido e Amigos.

En colaboración coa Asociación Músicos Ao Vivo, o 26 de xullo celebrarase a Jam Martiño Pinario, con música, charlas, aulas abertas, jam session e un espazo de actividades para nenos e nenas.

Ademais, a programación do Apóstolo inclúe unha sesión do Baile Assalto o 20 de xullo, que se pechará cun concerto de Os Cempés; unha actuación de De Vacas o día 22, enmarcada no programa Territorio das Mulleres; un serán de hip hop que se celebrará o 27 de xullo en Vite; varias actuacións da Banda Municipal de Música e sesións vermú na praza de Cervantes. Tampouco faltarán as tradicionais orquestras da Alameda.