A Xunta promove o destino As Mariñas a través da obra do impresionista Francisco Lloréns

A sede do Consorcio As Mariñas, en Bergondo, acolleu a sinatura dun convenio para a realización de accións promocionais do turismo na zona a partir da posta en valor do seu patrimonio artístico. O acto contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e do presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso.

Nava Castro explicou que, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, o acordo busca aproveitar os valores endóxenos do xeodestino As Mariñas co fin de contribuír ao aumento da demanda turística na comarca. Para iso, ao longo dos próximos meses desenvolveranse actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo cultural, que inclúe a programación de actuacións relacionadas coa difusión da Ruta do Impresionismo, e nomeadamente, do seu máximo expoñente, o pintor coruñés Francisco Lloréns.

Ao abeiro deste convenio, que conta cun orzamento de 48.000 euros dos que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, aporta 40.000, organizarase unha exposición itinerante ao aire libre que divulgará a obra de Lloréns e que visitará as cidades de Lugo, Pontevedra, Vigo e A Coruña. Nela colaborarán museos de referencia e coleccións que custodian pezas do artista. Tamén está prevista unha serie de rutas turístico-culturais baixo o título de Lloréns, o intérprete da paisaxe galega, que incluirá explicacións teatralizadas cun guía especializado. 

Editaranse, ademais, folletos turísticos cun mapa da Ruta do Impresionismo de As Mariñas e realizaranse pinturas murais en espazos urbanos en homenaxe ao pintor. O convenio inclúe tamén o impulso á ruta turística O Modernismo na Coruña e a súa área metropolitana coa reedición dun libro e dun folleto sobre este tipo de arquitectura de principios do século XX.

Francisco Lloréns é un dos paisaxistas de referencia da historia da arte do século XX en Galicia, cun peso específico nesta comarca, grazas ás paisaxes que pintou da Ponte da Pasaxe, Oleiros, Sada, Betanzos, Mera ou O Pedrido. A través da páxina web impresionismodasmarinas.com os visitantes poderán ampliar os seus coñecementos sobre a vida e obra deste ilustre pintor.