A toda vela en Corcubión coa Deputación da Coruña

40 rapaces e rapazas dos concellos da zona de Fisterra e Soneira participan no curso da Campaña de Vela 2017 da Deputación da Coruña, que se está a desenvolver durante esta semana en Corcubión.

Estas actividades, que imparte a Federación Galega de Vela, están dirixidas a mozos e mozas de entre os 9 e os 18 anos. En quendas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os alumnos practicarán as disciplinas de vela lixeira e windsurf durante dous días cada un. Como remate do curso, o venres cada participante poderá escoller a modalidade que máis lle gustou para poder repetila unha vez máis.

O curso inclúe clases teóricas para que os rapaces coñezan o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación, afianzar conceptos, resolver dúbidas e explicar os distintos exercicios a realizar. Así mesmo, realizarán un obradoiro de elaboración de nós mariñeiros. A parte práctica consistirá no desenvolvemento de diferentes exercicios de vela lixeira e de windsurf, baixo a supervisión dos monitores.

Os cursos da Campaña de Vela da Deputación realízanse durante os meses de verán en diferentes concellos da provincia, acollendo en cada un aos rapaces e rapazas pertencentes ao ámbito comarcal de cada sede. Tras realizarse en Mañón, Bergondo, Ponteceso e agora en Corcubión, as vindeiras semanas terán lugar en Muros e A Pobra, acollendo aos rapaces da zona de Santiago e o Barbanza. A inscrición segue aberta para o último curso, e pódese formalizar entregando no concello a ficha que se pode descargar da páxina web da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal/deportes). A cota de inscrición é de 25 euros.