Buscar/Hemeroteca

lunes, 3 de julio de 2017

A emoción dos viños en Celanova

O Mosteiro de Celanova acollerá os vindeiros días 8 e 9 de xullo a sétima edición de “A emoción dos viños”, na que participarán 80 adegas procedentes das cinco denominacións de orixe galegas, de Portugal e de diferentes lugares da xeografía española como Toledo, Xerez, Alacante, Zamora, Tenerife, ou Valencia. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; e os organizadores, Antonio Portela e Marina Cruces.
Rosendo Fernández destacou que “A emoción dos viños” é un evento “que nace no ano 2011 co propósito de presentar os mellores viños de Galicia e de Portugal, acompañados de grandes viños europeos, caldos que representan con autenticidade os diferentes territorios dos que proveñen e que foran presentados polos seus elaboradores aos visitantes”. A Deputación de Ourense colabora con este evento destinado á “promoción e á exhibición da viticultura, porque Ourense ten catro das cinco denominacións de orixe galegas, ocupando o sector vitivinícola un lugar estratéxico no desenvolvemento económico da nosa provincia”, sinalou o vicepresidente do goberno provincial.

Antonio Portela dixo que no evento estarán “viticultores que, con moito esforzo, foron capaces de facer unha viticultura respectuosa co entorno, ofrecendo viños onde a calidade está por diante do mercado”.

O sábado, o salón vitivinícola abrirá as súas portas de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, mentres que o domingo estará aberto só en xornada de mañá de 11.00 a 15.00 horas. Marina Cruces explicou que os interesados en asistir poderán reservar a súa entrada a través de internet ou mercala o mesmo día do evento por un importe de 15 euros para o sábado, 10 euros o domingo, ou 20 euros para os dous días, tendo un aforo limitado de 500 entradas. O alcalde de Celanova agradeceu á Asociación para A Emoción dos Viños que escollera o seu municipio “para celebrar esta iniciativa que se suma aos moitos eventos culturais que desenvolvemos en Celanova durante o verán”.

No hay comentarios: