A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, supervisou os traballos de recuperación, sinalización e mellora executados no Camiño Primitivo, que esta semana cumpre dous anos como Patrimonio Mundial da Unesco. As obras desenvolvéronse en tres tramos diferentes nos concellos lucenses da Fonsagrada, Baleira e Castroverde, e no coruñés de Melide, onde o Camiño Primitivo únese ao Francés.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a directora de Turismo percorreu un dos tramos intervidos do Camiño Primitivo no concello de Castroverde. Os traballos desenvolvéronse ao longo de máis de 17 quilómetros, cun investimento que supera os 1,1 millóns de euros. En total, colocáronse máis de 500 novas mouteiras, preto de 100 cunchas cerámicas, máis de 15 cunchas de bronce e outros sinais adicionais    


Con estas melloras, o Camiño Primitivo, cuxa combinación de natureza e patrimonio cultural xera cada vez máis interese entre os peregrinos, é unha ruta máis accesible e segura. En só unha década, a cifra de camiñantes que o percorren multiplicouse por catro e o pasado ano acadou a seu rexistro máis elevado con máis de 12.000 persoas. Desde a súa inclusión na prestixiosa lista da Unesco non deixa de medrar e agárdase que se manteña a tendencia.