Buscar/Hemeroteca

viernes, 7 de julio de 2017

A Deputación de Pontevedra, premio á mellor xestión institucional

A revista Ejecutivos concedeu, dentro dos Premios Executivo e Empresa do Ano en Galicia, o galardón á mellor xestión institucional a Deputación de Pontevedra, pola súa traxectoria e contribución á economía e á sociedade das políticas activas levadas a cabo en materia de emprego ao longo do curso.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recolleu o premio, lembrando que "aínda que hoxe recolla eu este premio, é un traballo en equipo, de todos os homes e todas as mulleres que formamos o Goberno da Deputación de Pontevedra e do noso equipo técnico, do que me sinto moi orgullosa". A presidenta provincial asegurou que "o noso traballo é unha obriga" e salientou que "desde esta institución provincial quixemos ser unha administración moi en contacto coa realidade e coa sociedade, sabendo que os retos máis importantes que temos son os relacionados coa creación de actividade e crecemento económico e de emprego", que permitan "converter a provincia de Pontevedra nunha referencia de innovación, de coñecemento e de posta en marcha de novos proxectos".

Carmela Silva afirmou que o traballo da Deputación de Pontevedra se realiza "moi preto da Universidade, que é un dos nosos orgullos porque é o lugar onde residen o coñecemento e o talento que despois van ser empregados nas empresas para permitilas avanzar" e tamén "do lado dos nosos sectores produtivos, que son un exemplo a seguir, con empresas internacionalizadas, punteiras, que invisten e xeran emprego competindo en todo o mundo". "Esta é unha provincia global", salientou a presidenta.

Tamén tivo unhas palabras en referencia á Igualdade que, asegurou, "é unha ferramenta para a construción de sociedades máis xustas, máis avanzadas, máis modernas e máis democráticas", razón pola que tivo unhas palabras especiais para a presidenta do grupo Maviva, Maruxa Sanmartín, premiada polo seu liderado, "que recibe hoxe un recoñecemento máis que sobrado". A presidenta provincial lembrou que "hai moitísimas mulleres a nivel estatal dirixindo grandes empresas con grandes resultados, e ela hoxe representa a todas esas grandes mulleres que xeran crecemento e actividade económica e empregos de calidade".

http://www.depo.es

No hay comentarios: