A Deputación da Coruña colabora co Museo da Construción Naval de Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo Menor, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial financia os gastos derivados do funcionamento do Museo da Construción Naval Exponav, situado en Ferrol.

O presidente provincial reuniuse por primeira vez co novo almirante xefe, Antonio Duelo Menor, quen tomou o relevo de Francisco Javier Romero Caramelo o pasado 23 de xuño. Neste encontro, abordaron temas coma os proxectos de futuro da Fundación Exponav e as posibles colaboracións entre ambas as dúas institucións.

González Formoso destacou que "foi un primeiro encontro moi construtivo entre dúas institucións que manteñen unha longa traxectoria de colaboración desde hai décadas". O presidente provincial ratificou que a Deputación "ponse a disposición da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval", que definiu coma "un gran instrumento de potenciación económica e turística para a cidade e a comarca de Ferrol".

Tras a visita ás instalacións do Arsenal Militar de Ferrol, González Formoso e Duelo Menor desprazáronse ata o Museo da Construción Naval, onde asinaron o novo convenio de colaboración, que foi aprobado polo Pleno da Corporación provincial no mes de maio, e supón unha achega de 125.000 euros para o financiamento de diversas actividades, coma exposicións e eventos, que terán lugar ata xullo do 2018.

A Deputación da Coruña e a Fundación Exponav colaboran noutras iniciativas coma a exposición "Xigantes", que actualmente se pode visitar na Casa das Beiras de Muxía.

Esta itinerancia, que recorrerá diversos lugares da provincia durante oito meses, repasa a través de maquetas, paneis, pezas, documentos e material audiovisual, algúns dos grandes fitos da construción naval realizados en Astano entre 1964 e 1982.

"Xigantes" pretende dar a coñecer entre todos os cidadáns da provincia como foi o proceso de construción dos grandes buques petroleiros que forman parte da historia naval da comarca de Ferrol como o Al Andalus, Texaco, Arteaga, Carthagonova, Mónica María ou o Ocean Park. Grandes buques de aceiro, algúns deles con máis de 300 metros de eslora, construídos por encargo dalgunhas das principais compañías petroleiras de transporte marítimo do mundo no momento de maior esplendor da construción naval da nosa provincia, que converteu a comarca ferrolá nun punto de referencia industrial do país