A conselleira de Medio Rural inaugurará a Feira do Viño de Valdeorras

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, confirmou a súa presenza no acto de inauguración da Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará a vindeira fin de semana na praza barquense de Viloira. Xunto á titular de Medio Rural, participarán no acto de inauguración o presidente en funcións do Consello Regulador, Francisco García; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde do Barco, Alfredo García. O acto inaugural dará comezo ás 12.30 horas do sábado e contará cun pregoeiro de excepción: o actor Javier Veiga.

O recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. Un total de 17 bodegas da comarca exhibirán o mellor das súas colleitas no foro, que este ano acada a súa vixésima edición. En concreto, terán presenza na feira as seguintes bodegas: O Cepado, A Tapada, Guitián y Blanco, Roandi, Avancia, Cooperativa Jesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Sampayolo, Quinta da Peza, Viña Costeira, Eladio Santalla, Santa Marta, Melillas, Fornos GRS, Felipe Mayo, O Casal e José González.

A feira contará cun programa completo de eventos paralelos. Ao igual que en anos anteriores, celebrarase unha cata profesional na xornada do venres 14 e o domingo, ás 20.30 horas, entregaranse os premios ás bodegas gañadoras deste certame oficial. 

Xunto a isto, os días 13 e 14 celebrarase a segunda ruta dos pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador pora en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 17 establecementos da zona.

Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. O sábado pola mañá actuará a charanga Fuego e pola tarde, ás 19.30 horas, o grupo Airiños de Caldelas amenizará a sesión vespertina co seu espectáculo musical. Xa pola noite, a música seguirá a cargo dun DJ e do grupo barquense O Son do Sil. Na xornada do domingo, actuará a charanga N.B.A.

Ademais, o sábado ás 20.00 horas celebrarase un showcooking no recinto feiral a cargo de Flavio Morganti, chef dos restaurantes Galileo e Galigola de Ourense. Os interesados en participar na iniciativa, con prazas limitadas, poden inscribirse enviando un correo á empresa organizadora do evento: maria@ateliergrafic.com.

Para facilitar os traslados ao recinto feiral, porase en marcha o tren Valdeorras Expreso. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello do Barco ata chegar a Viloira.