200 tripulantes e 60 embarcacións no Rally Rías Baixas 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na cerimonia de inicio oficial do Rally Rías Baixas 2017 organizado pola Irish Cruising Club, a asociación náutica irlandesa máis importante. O acto, celebrado no Real Club Náutico de Portosín, supón a apertura da competición que nos próximos 12 días percorrerá as Rías Baixas con máis de 200 tripulantes a bordo de 60 embarcacións.

Nava Castro deu a benvida aos participantes e subliñou a enorme potencialidade coa que conta o turismo náutico galego, gracias ás posibilidades de navegacións das rías durante todo o ano e a calidade das infraestruturas dos portos deportivos, en moitos dos cales ondea a bandeira azul e que, ademais, son distinguidos coa Q de Calidade Turística. 

“A náutica galega mellorou nos últimos anos de xeito significativo”, subliñou a directora de Turismo, que aludiu a cuestións como a capacidade de amarre, a difusión de actividades, a creación de empresas ou a organización de eventos como o propio Rally Rías Baixas, que contribúen “a facer do turismo náutico un factor de desenvolvemento para a Galicia costeira”.

Ao longo de doce días, os participantes nesta competición deportiva recalarán en diversas vilas mariñeiras como A Pobra do Caramiñal ou Combarro, ata rematar en Baiona o día 28 de xullo. Na súa estancia, poderán gozar da gastronomía e do patrimonio natural e cultural da Comunidade, con visitas a enclaves representativos como o Castro de Baroña.