Volven os tapices florais da festas do Corpus Christi de Ponteareas

Dende hoxe e ata o vindeiro luns 19 terá lugar a nova edición das Festas do Corpus Christi de Ponteareas. No acto de presentación estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde, Xosé Represas, e os deputados e deputadas provinciais Santos Héctor Rodríguez, Montse Magallanes e Xosé Leal. 

O Corpus Christi de Ponteareas, unha festa declarada de Interese Turístico Internacional desde 2009 e que este ano compre 160 anos (desde 1857) de tradición que se veñen transmitindo de xeración en xeración. Este ano estenderase por un total de 19 rúas cun percorrido de preto dun quilómetro. 

Ademais das alfombras elaboradas pola veciñanza de Monçao e da Orotava, como en anos anteriores, este ano tamén haberá unha colaboración co concello italiano de Gerano. Carmela Silva asegurou que "o concello de Ponteareas ten o apoio total e absoluto para que esa declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial pola UNESCO sexa unha realidade canto antes, porque Ponteareas o merece e as súas alfombras realmente o son". A Presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que "perténcennos a Ponteareas e toda a provincia de Pontevedra" e asegurou que "non hai outro lugar no mundo onde se fagan as alfombras como se fan en Ponteareas, iso tense que recoñecer".

Ademais, a presidenta provincial asinou un convenio de colaboración co alcalde de Ponteareas co que a institución provincial colaborará economicamente (8.000 €) na organización de actuacións musicais nos días grandes desta celebración, e asegurou que se ía reunir co rexedor local para "falarmos de moitas cousas pendentes en relación co Castelo de Sobroso, que é unha auténtica xoia, dunha fermosura impresionante e que non lle ten nada que envexar a ningún outro castelo de calquera parte do mundo".    (depo.es)