TerraZeando en Compostela

O Concello de Santiago volve colaborar este ano co TerraZeando, un ciclo organizado polo colectivo Desconcierto Cultural que pretende aproveitar lugares especiais de Compostela como escenarios para a música en directo. O alcalde, Martiño Noriega, e o secretario da asociación, Álvaro Álvarez, presentaron o programa desta sexta edición, que se celebrará do 29 de xuño ao 27 de xullo.
Nesta sexta edición de TerraZeando están previstos cinco concertos noutros tantos escenarios. O primeiro deles será na Finca do Espiño o próximo día 29, e reunirá os grupos Alto Volta, de Valga, e Me And The Bees, de Barcelona.

O 5 de xullo, o ciclo trasladarase ao Bar Olvido para o concerto da banda Zebra Hunt, chegada dende Seattle (USA), mentres que os portugueses Stone Dead actuarán no NH Collection o 12 de xullo. Unha semana máis tarde, o 19 de xullo, será a vez do trío madrileño CVEEC, que actuará no Hotel Costa Vella. O último dos concertos do TerraZeando será o 27 de xullo no xardín do Pazo de Amarante, cos composteláns Montelouro e The Wheels, unha banda chegada dende Palma de Mallorca.