Terras do Avia recibirá 80.000 euros de Turismo de Galicia

Turismo de Galicia asinará un clonvenio de colaboración coa Mancomunidade de Terras do Avia para realizar actividades de promoción e información turística do xeodestino do Ribeiro durante os anos 2017 e 2018, un convenio que suporá un reforzo da promoción nacional e internacional deste xeodestino como destino enoturístico e termal.

En virtude deste acordo, Turismo de Galicia financiará as actuacións obxecto do convenio por un importe de 80.000 euros e incluirá o deseño dun plan de acción para os anos 2017 e 2018 que comprende, entre outras actividades, a edición de mapas de rutas culturais, con planos do territorio do xeodestino e deseño e negociación de produtos como o bus do viño do Ribeiro.

Tamén inclúe a creación e distribución de paquetes termais biosaudables que inclúa estadías e escapadas termais do destino que incorporarán o enoturismo como elemento de valor engadido, así como a promoción en liña e presenza en feiras nacionais e internacionais deste xeodestino.

O xeodestino O Ribeiro está integrado polos concellos de Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, Melón, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea.