Sexta edición dos premios da D.O. Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro vive mañá a sexta edición dos seus premios, que se celebran no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, a partir das 19:00 horas.

O Consello Regulador da D.O. máis antiga de Galicia é o organizador desta cita que quere celebrar o bo traballo dos profesionais e divulgar a calidade dos seus viños.

Máis de 250 profesionais confirmaron a súa presenza, entre adegueiros, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, xornalistas ou divulgadores.

Durante o evento desvelaranse os gañadores das categorías: “Mellor viño branco adega”, “Mellor viño branco colleiteiro”, e “Mellor viño tinto”; que se sumarán aos profesionais que recibirán os galardóns honoríficos.

A Master of Wine, xornalista e escritora británica, Sarah Jane Evans MW é o novo premio “Persoeiro de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarés, o “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández acada o galardón “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, recibirá o “Premio Vida entre Vides”.

Tamén se conceden galardóns en tres categorías dedicadas aos profesionais das viñotecas e locais de restauración e hostalería, outorgados directamente polas adegas adscritas á Denominación.

Na categoría de “Mellor taberna – Bar de Viños”, os aspirantes son: Mesón Picasso (Ferrol), Casa de vinos Montecarlo (A Coruña) e Bagos (Pontevedra).

Na categoría de “Mellor Tenda Especializada - Viñoteca” son candidatos: Casa Amador (Ferrol), El Yate (Vigo) e La Sucursal (Lugo).

Por último, na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”, os finalistas son: O Retiro da Costiña (Santa Comba), A Mundiña (A Coruña) e O Barazal (Maside).