Presentada a estratexia de comunicación da área de Turismo da Deputación da Coruña

No Salón Turístico de Galicia, Turexpo celebrouse por vez primeira a presentación pública da nova estratexia de comunicación da área de Turismo da Deputación da Coruña. Unha nova páxina web e presenza intensa nas principais redes sociais é a nova oferta da área de Turismo.

O departamento que dirixe o deputado Xosé Regueira impulsa así a liña de traballo que se centra na difusión da oferta turística dos distintos concellos que se presenta na feira Turexpo de Silleda. Os enderezos das redes sociais e da páxina web foron os elementos principais do stand.

"A nova estratexia de comunicación busca a fidelización da marca, algo que até agora non fixeramos mais coa posta en marcha das novas redes e a páxina web buscamos abrir horizontes para os distintos destinos turísticos, coa potencialidade que ten a promoción 2.0 no ámbito turístico", sinalou, Xosé Regueira.

Como noutras accións do departamento de Turismo, de maneira especial a presenza nas feiras, a nova estratexia de comunicación ofrécese como servizo á totalidade dos concellos, de maneira que son os seus recursos turísticos os protagonistas da promoción da Deputación da Coruña.

A páxina web ofrece información dos camiños de Santiago, do programa de Turismo Industrial e escolar, propostas de ocio e tempo libre como festas e feiras e sendas, roteiros e camiños e os procesos dos dous concursos que promove a área, o de fotografía turística e o de turismo escolar.