Por primeira vez, o denario do Arde Lucus enxalza á muller

Lugo.gal
Presentouse a moeda oficial que a asociación Cohors III Lucensium acuña, por oitavo ano, para os festexos do Arde Lvcvs, recentemente declarados de interese turístico nacional.No transcurso do acto, Carmen Basadre agradeceu á directiva saínte deste colectivo o traballo realizada nos últimos dez anos a prol da historia e da cidade, así como da recreación histórica, sendo esta a primeira asociación que se creou ao abeiro do Arde Lucus. Así mesmo quixo facer fincapé no éxito acadado por esta iniciativa, que este ano, e por primeira vez, enxalza á muller.

A moeda é un denario de prata, do ano 205 D.C., acuñada na honra de Julia Augusta, muller dun emperador, Septimio Severo. No anverso aparece o busto de Augusta, unha muller con gran elegancia ornamentaria, e no reverso, a deusa Civeles, escoltada por dous leóns, e apoiada cun cóbado nun tímpano, portando nunha das súas mans unha rama e noutra un cedro. Julia Augusta saiuse dos canones da muller romana, acadando protagonismo na vida cultural e política.

A Cohors III Lucensium repartirá unhas 4.000 moedas a partir do vindeiro martes. Cada moeda ten un valor de 2 euros. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda poden facelo en distintos establecementos do casco histórico.

Este colectivo convidou ademais unha asociación de recreación histórica de Romanía e outra de Sagunto a estes festexos, que terán lugar o 30 de xuño e 1 e 2 de xullo.