Políticas de ruído máis ca noces (Editorial HG&T208)

Se non tiveramos activadas, froito de décadas de experiencia e un cuarto de século de atenta observación e análise, as alarmas do fume e dos barullos vestidos de celofán, a lectura atenta do plan estratéxico do turismo de Galicia 2020 encheríanos de entusiasmo, fe e entrega. Pero as políticas de ruído máis ca noces a que nos ten acostumados a “xestión Feijóo” fannos ser, máis ca cautelosos, descreídos diante do documento de laboratorio presentado semanas atrás pola Xunta de Galicia e a bendición, parece, do Clúster. Certo que é un deseño de base, aínda a desenvolver, pero con xeitos coñecidos.

Dende o Libro Blanco do turismo galego, alá polos albores da autonomía ata hoxe, téñense sucedido estratexias, declaracións de intencións… tácticas entusiasmadoras da afección, teoría, cando non palabrería moi ben exposta, xa decimos, plan deseñado (xestación, obxectivos, itinerario, proceso…). Polo de agora moita decoración, o contido aínda é unha entelequia.

Parte de que os nosos atributos diferenciadores son a paisaxe e os recursos naturais, a gastronomía, o patrimonio (a historia e a cultura), o Camiño de Santiago. Para esta viaxe non se precisaban novas alforxas, polo que para o desenvolvemento dos “aspectos clave”… tampouco. Pero é aquí onde sí toca plantexar propostas ben concretas para un tempo concreto, para un presente e futuro posibilista. A enumeración de accións non é máis ca pródiga e xenérica, pouco se albisca que non sexan xeneralidades en materia de paisaxe, recursos naturais e sustentabilidade, ou en mobilidade turística, ou….

Ten todo o tufo este plan político de ser un animador, un espabilamento do persoal para sacudirlle o sono nesta longa dormevela entre xacobeos, para facer que se fai política -non sexa que se queden fóra da foto- mentres ao sector canlle resultados satisfactorios por mor do vento a favor que refresca a economía turística.

Porque se o futuro do turismo galego e a súa estratexia 2020 é tan fiable e actual coma a información que manexa a directora da Axencia Galega de Turismo -a encargada de dirixir esa política turística- cando acaba de declarar “cuando llegue el AVE en 2018, habrá un antes y un después”…, estamos aviados. Dona Nava…¡pero se xa os seus líderes nos governos fían o AVE para 2020!... e vimos de aplazamento en aplazamento… En calquera caso, un plan turístico para tan curto prazo (dous  orzamentos ao sumo que amparen as directrices, os anos que lle faltan a lexislatura), non pode ser un plan. Será un conto.