Paquetes de servizos para a promoción dos parques naturais de Galicia

A Xunta elaborará paquetes de servizos turísticos para a promoción e posta en valor dos parques naturais de Galicia. Trátase dunha acción conxunta que refrendaron a titular do departamento de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para desenvolvemento de actividades de fomento do uso público e o impulso socioeconómico sostible dos espazos protexidos e a súa contorna.

Grazas a este convenio de colaboración, enmarcado no Plan de Promoción da Rede de Parques Naturais de Galicia,  poranse en marcha diversas accións, que permitirán a todos os visitantes gozar dunha experiencia turística integral mediante visitas guiadas, restauración, lecer e descanso “sempre co máximo respecto a estes espazos especialmente sensibles”, apuntou Beatriz Mato.

Así, tal e como recolle este acordo, o departamento de Turismo comprométese á creación deste produto turístico e edición dos folletos informativos correspondentes e á execución do traballo de campo, que consiste en identificar os establecementos de restauración e aloxamentos situados na contorna dos parque naturais, que polas súas características encadren neste proxecto, así como as actividades de turismo activo que poden ofertar dentro dese ámbito.

A sinatura do convenio de colaboración entre Medio Ambiente e Turismo é unha mostra do grao de desenvolvemento do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que se puxo en marcha en decembro do ano pasado e que terá unha vixencia de catro anos. Cómpre lembrar que este Plan conta cun orzamento de catro millóns de euros e contempla ata 29 actuacións específicas para “promover o noso patrimonio natural e crear sinerxías entre as iconas naturais de Galicia”.


Así, para lograr estes obxectivos, ademais da creación dos paquetes turísticos, a Axencia incluirá dentro das súas campañas de promoción do patrimonio natural de Galicia e o levará ás feiras máis destacadas do sector, como son como a B-Travel de Barcelona, a Intur de Valladolid, na Delta Birdding Festival e Birfair.