Os castelos de Monterrei e o Bolo acollerán a XXXII a Xuntanza Internacional de Gaiteiros

A XXXII edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, declarada de Interese Turístico e Cultural pola Xunta de Galicia, celebrarase en dúas xornadas, o día 10 de xuño no Castelo de Monterrei e o 11 de xuño no Castelo de O Bolo, na provincia de Ourense. A presentación desta tradicional festa tivo lugar no Pazo Provincial na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e os alcaldes do Bolo e de Monterrei, Manuel Corzo e José Luis Suárez, respectivamente.
Nesta XXXII edición da Xuntanza “terán especial protagonismo as gaitas primitivas, coa participación de gaiteiros procedentes de Galicia e de países como Irán, Armenia, Italia, Alemaña ou Portugal”, explicou o director da Escola Provincial de Gaitas. Ademais, o programa de actuacións tamén contará con gaiteiros da comarca de Monterrei para “poñer en valor a música que se conservou e que é a nosa imaxe”, asegurou Foxo, e remarcou que a Xuntanza Internacional de Gaiteiros “achega o máis significativo do mundo da gaita de Galicia e doutros lugares do mundo, facendo que Ourense sexa un referente mundial”.

O programa desta XXXII edición complétase con conferencias, exposicións e actividades de carácter científico. Asemade, este ano, a homenaxe será para José María Fernandez, Angelo Arribas e Henrique Fernandes, tres gaiteiros do norte de Portugal.