O Resurrection Fest de Viveiro, referenza mundial da música metal e hard rock

O Resurrection Fest de Viveiro, que se celebrará do 5 ao 8 de xullo, foi presentado na Cidade da Cultura de Galicia. O seu programa deste ano e as cifras de negocio previstas para a súa duodécima edición fan desta cita galega unha referencia mundial da música metal e hard rock.

O lexendarios Rammstein, que actuarán na medianoite do vernes 7 no que será o único directo dos alemáns este ano en en toda a Península, encabezan un cartel de máis de 100 bandas internacionais do xénero, entre as que se atopan outros colectivos emblemáticos como CJ Ramone, Sepultura, Anthrax, Dropkick Murphys, Airbourne, Suicidal Tendencies, Napalm Death, Mastodon, Rancid, Obituary, Holocausto Caníbal ou Agnostic Front.

Nos catro escenarios temáticos que se instalarán no amplo recinto do Resurrection Fest tamén haberá lugar para os artistas galegos e para moitas máis actividades arredor da música extrema. Todo está xa preparado para recibir unhas 25.000 persoas procedentes de máis de 30 países por cada día de celebración.

Unha vez máis, o Resurrection reforza así a súa posición de liderado entre as citas europeas de heavy, hardcore e punk, ao tempo que se consolida como o primeiro e máis antigo festival de rock e metal de toda España e figura no Top Ten de festivais de maior afluencia de público do Estado.

Na presentación interviñeron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Iván Méndez e David Méndez, director e subdirector do Resurrection Fest, respectivamente; María Salgueiro, alcaldesa de Viveiro e Víctor Mantiñán, product manager de SON Estrella Galicia, principal marca comercial patrocinadora do evento. O acto contou tamén coa presenza de José Manuel Balseiro, delegado da Xunta de Galicia en Lugo.