Nava Castro busca turistas na China

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse na China con representantes da Administración Nacional de Turismo (CNTA) deste país para estreitar lazos no eido turístico e coñecer de primeira man as características e perfil do turismo emisor chinés. Unha reunión que serviu tamén como primeiro contacto de cara á celebración do Ano de Turismo China Europa, que se celebrará en 2018.
 
Durante o encontro, a responsable de Turismo da Xunta reuniuse co director xeral e o director axunto de Márketing e Cooperacion Internacional da CNTA, Liu Shijun e Feng Litao, para presentar gran parte do potencial turístico de Galicia para os visitantes chineses, afondando en cuestións como os recursos naturais galegos, a gastronomía, o Camiño de Santiago ou experiencias turísticas singulares como a Ruta da Camelia, entre outras.


A reunión serviu para obter, da man destes representantes da administración turística da China, unha visión do turismo emisor deste país cara a Galicia e poder mellorar a súa experiencia turística na Comunidade. Tamén se afondou en cuestións como a posibilidade de estreitar lazos de colaboración institucional, de cara á celebración en 2018 do Ano de Turismo China Europa, sobre todo no que respecta á Ruta da Seda e ao Camiño de Santiago.